Astrofotografía

Debido ao seu gran tamaño no ceo, o Sol, ao igual que ocorre con Lúa, é un dos obxectos celestes máis irresistibles de fotografar. Por iso, tomar imaxes do Sol durante un eclipse resulta moi atractivo. Porén, non debemos esquecer o risco que entraña tanto para as persoas como para os equipos fotográficos esta práctica, e por conseguinte, débense extremar as precaucións.

Para realizar fotografías do Sol durante un eclipse recoméndase usar cámaras nas que se teña control manual dos distintos parámetros da fotografía, é dicir, tempo de exposición, ISO ou apertura. As cámaras réflex comerciais cumpren estes requisitos e grazas á gran variedade de oferta e versatilidade, converteuse nunha compañeira imprescindible neste tipo de fotografía.

Malia ser o maior astro do sistema solar, o seu tamaño aparente no ceo, debido á distancia á que se atopa da Terra, é similar ó da Lúa chea. Co fin de ter unha imaxe razoablemente grande do Sol, recoméndase o uso de equipos dunha focal longa, entre 400 e 1.500 mm. Canto maior sexa a focal maior será o tamaño aparente do Sol, e poderanse ver máis detalles, como por exemplo manchas solares, sempre e cando se utilice o equipo adecuado. A seguinte táboa permite facerse unha idea do tamaño da imaxe do Sol impresa sobre papel de 10 x 15 cm para distintas focais (equivalente ás dunha cámara réflex con película de 35 mm):

Focal (mm) Diámetro do Sol (mm) Tamaño do Sol como porcentaxe da altura da fotografía (%)
50 2 2
200 8 8
400 15 15
1.000 38 38
1.500 57 57
Telescopio cámara

Focais moi grandes requiren equipamento voluminoso que normalmente será pesado. Para evitar que a fotografía sexa borrosa debido ao movemento da cámara ao ser sostida coas mans, necesítase dispoñer dun trípode ao que fixar o equipo fotográfico. Recoméndase revisar sempre as especificacións técnicas do trípode escollido para asegurar que pode soportar o peso do equipo completo, por exemplo, cámara e obxectivo. Ademais, para evitar movementos indesexados nas fotografías, resulta útil o uso de disparadores a distancia. Tamén se poden utilizar intervalómetros ou as funcións integradas nas propias cámaras. Desta forma, pódense realizar secuencias de disparo sen necesidade de accionar o disparador da cámara e obtendo diferentes fases do eclipse.

Dado o elevado brillo do Sol é imprescindible usar algún filtro solar forte diante do obxectivo da cámara. Unha das opcións máis económicas é o uso dunha lámina Mylar que debe colocarse na apertura do obxectivo. Con este accesorio pódese fotografar sen problema o Sol sen que se sature a fotografía, podendo obter de forma nítida a súa silueta. Outra opción é acoplar un filtro Ha que permita fotografar a cromosfera do Sol, podendo apreciar manifestacións de actividade como fulguracións. Hai que ter en conta que os filtros deben adaptarse aos tamaños dos obxectivos e pode ser necesario o uso de adaptadores. Aínda co uso de filtros, seguramente sexa necesario utilizar valores de sensibilidade ISO baixos, aperturas pechadas e tempos de exposición pequenos para evitar que a fotografía se sature.

Unha opción que pode dar como resultado fotografías con maior detalle e calidade, aínda que tamén máis complexa, é o uso de telescopios. Neste caso, o tubo do telescopio asume a función dun obxectivo fotográfico básico, pero de gran focal. Salvo en equipos avanzados, este sistema require un enfoque manual para poder fotografar con nitidez. A montura do telescopio pode estar motorizada e grazas ao seguimento, o Sol non sae do campo de visión, facilitando as secuencias de disparo. Neste caso tamén é imprescindible o uso de filtros como os mencionados anteriormente. Ademais, o acoplamento entre a cámara e o telescopio realízase, normalmente, utilizando un adaptador que depende do modelo utilizado.

Outra opción é a de fotografar a imaxe do Sol proxectada nunha pantalla. As fotografías da proxección poden tomarse sen máis precaucións que as utilizadas para proxectar o Sol. O equipo necesario para esta opción é menos esixente, e pódense capturar as imaxes de forma sinxela co modo automático de calquera cámara.

En todos os casos, é conveniente comprobar o bo funcionamento da estratexia elixida realizando probas con algunhas semanas de antelación, fotografando o Sol en condicións similares ás do eclipse co equipo que será empregado (mesma cámara, mesmo filtro solar, mesma hora do día, etc.). Ademais, é recomendable revisar que todo o material se atopa en condicións óptimas, incluíndo baterías, accesorios e poñendo especial coidado no estado dos filtros para evitar danos persoais ou no equipo.