Nesta sección proporciónase información detallada sobre as condicións de observación para cada eclipse en cada localización xeográfica española, tendo en conta o relevo do terreo.
Os datos presentados nesta páxina utilizan o método desenvolvido por Friedrich Bessel no século XIX para o cálculo das características globais de cada eclipse. Unha vez feito isto, calcúlanse os parámetros locais para cada lugar. En todo este proceso cómpre facer aproximacións e utilizar diferentes correccións para incluír fenómenos físicos non tidos en conta polo modelo.
Cando se comparan predicións de distintas fontes, poden aparecer pequenas diferenzas nos parámetros do eclipse segundo as correccións incluídas e a precisión empregada nos cálculos. No caso dos datos ofrecidos nesta páxina, realizáronse os cálculos en dobre precisión e considerouse o seguinte:
As efemérides do Sol e da Lúa obtivéronse do Jet Propulsion Laboratory, as máis precisas dispoñibles na actualidade.
Os cálculos dos elementos besselianos realízanse nunha escala de tempo uniforme chamada Tempo Dinámico Terrestre (TDT). Para pasar á escala de tempo na que se basea a hora oficial, o Tempo Universal Coordinado (UTC), é necesario aplicar unha corrección, ΔT, debida a irregularidades no movemento de rotación da Terra. A estimación desta corrección baséase en datos de anos anteriores, mediante métodos propios que producen predicións con precisións mellores ca unha décima de segundo para anos próximos ao último dato dispoñible.
A Terra, a Lúa e o Sol non son esferas perfectas, senón que presentan formas irregulares aproximadas a un elipsoide. Nos cálculos realizados nesta páxina aproxímase a Terra a un elipsoide, pero non se aplican correccións polas irregularidades da superficie da Lúa ou do Sol.
Á hora de calcular os datos locais da eclipse, utilizáronse datos proporcionados polo Instituto Xeográfico Nacional, que inclúen a altitude do terreo para os puntos situados en territorio español, incluíndo as illas Canarias e Baleares. A altitude do terreo inflúe nos parámetros locais do eclipse. Para os municipios empregouse un arquivo coas coordenadas da casa consistorial de cada un, mentres que para o visualizador se utilizou unha malla do terreo con celas de 75 m de lado. Os datos locais poden variar lixeiramente se se empregan outras coordenadas distintas.
A altura aparente do Sol sobre o horizonte vese afectada pola refracción da luz na atmosfera terrestre, un efecto máis acusado canto máis baixo está o Sol no ceo. Os cálculos presentados nesta páxina inclúen un modelo sinxelo de refracción, aínda que se trata só dunha aproximación. O efecto da refracción depende en gran medida das condicións atmosféricas no momento da observación, algo imposible de predicir con antelación.