Eclipse total de Sol
Durante o atardecer do mércores 12 de agosto de 2026 terá lugar o primeira eclipse total de Sol visible desde a península Ibérica en máis dun século.
Denominamos eclipse de Sol o fenómeno polo cal a luz do Sol é total ou parcialmente ocultada ao interpoñerse un astro entre o Sol e o observador. Nos eclipses de Sol vistos desde a Terra, o astro que oculta o Sol é a Lúa.
Desde o punto de vista do observador, os eclipses de Sol clasifícanse en: totais, anulares e parciais. Dito observador dirá que viu un eclipse total cando ve a Lúa cubrir completamente o disco do Sol. Porén, outro observador situado centos de quilómetros máis ao norte ou máis ao sur que o primeiro verá a Lúa cubrir só unha parte do Sol, de maneira que para el o eclipse será parcial. Hai ocasións nas que a Lúa non chega a cubrir completamente o Sol desde ningún punto da Terra, polo que para todos os observadores o eclipse é parcial.
Outro tipo común de eclipses é o eclipse anular. Estes prodúcense cando o observador ve que o disco da Lúa non chega a cubrir o disco do Sol, aínda que os seus centros estean ben aliñados. Isto débese a que a Lúa se atopa ese día máis afastada da Terra ca no caso dun eclipse total, polo que o seu disco vese máis pequeno ca o do Sol. Nese caso obsérvase un anel brillante arredor do disco lunar.
Aínda que é habitual poder observar un eclipse parcial de Sol cada varios anos desde o mesmo lugar, non é o mesmo ser testemuña dun eclipse total ou anular. En España, o último eclipse anular visible produciuse en 2005, e o último total puido verse en 1959, e só desde as illas Canarias; desde a Península Ibérica non se vira un eclipse total de Sol desde 1912. Esta seca de eclipses vai rematar proximamente de maneira espectacular, pois entre os anos 2026 e 2028 haberá dous eclipses totais e un anular que se poderán ver desde algún punto da nosa xeografía.
O primeiro eclipse total de Sol visible en España en máis dun século terá lugar o 12 de agosto de 2026. A franxa de totalidade cruzará España de oeste a leste e pasará por numerosas capitais de provincia desde A Coruña ata Palma de Mallorca, incluíndo León, Bilbao, Zaragoza e Valencia. O noso país atópase ao final da franxa de totalidade, polo que esta terá lugar cando o Sol estea a poñerse moi preto do horizonte, sendo conveniente observar o eclipse desde un lugar con boa visibilidade cara ao oeste.
Case un ano despois, o 2 de agosto de 2027, outro eclipse total cruzará España. A franxa de totalidade atravesará o estreito de Xibraltar de oeste a leste e cubrirá o extremo sur da península e o norte de África, incluíndo cidades como Cádiz, Málaga, Ceuta e Melilla. O eclipse terá lugar durante a mañá, e a duración máxima da totalidade corresponderá a Ceuta, con 4 minutos e 48 segundos.
Por último, o 26 de xaneiro de 2028, producirase un eclipse anular cuxa franxa de anularidade cruzará a península de suroeste a nordeste xusto antes da posta de Sol, incluíndo cidades como Sevilla, Málaga, Murcia e Valencia, onde a fase anular se verá completa. En Palma de Mallorca e Barcelona só se verá o inicio da fase anular, pois o Sol poñerase antes de que esta remate. Debido á baixa elevación do Sol sobre o horizonte, a observación deste eclipse requirirá unha excelente visibilidade na dirección da posta de Sol.
Vemos, pois, que gozaremos non dunha, senón de tres ocasións moi especiais para observar un dos espectáculos máis impresionantes que nos ofrece a natureza. Nesta web fornecemos datos detallados sobre cada un deste trío excepcional de eclipses, ademais de toda a información e os recursos necesarios para comprender e gozar destes fenómenos en todo o seu esplendor.
Durante o atardecer do mércores 12 de agosto de 2026 terá lugar o primeira eclipse total de Sol visible desde a península Ibérica en máis dun século.
Continuando a sucesión dos tres eclipses ibéricos, o 2 de agosto de 2027 terá lugar un nova eclipse total de Sol visible desde a península ibérica.
Tras os dous eclipses totais dos anos anteriores, o 26 de xaneiro de 2028 terá lugar unha nova eclipse de Sol, esta vez anular, visible desde España.
Explora e descobre máis información para gozar deste fenómeno celeste
Que é un eclipse
Como observar os eclipses
Protexe os teus ollos
Que se ve nun eclipse total
Curiosidades e eclipses futuros
Condicións de observación desde cada localización
Recomendacións prácticas
Información meteorolóxica
Astrofotografía
Eclipses para nenas e nenos
Recursos para o profesorado
A ciencia dos eclipses
Eclipses na historia
Eclipses na arte e na mitoloxía